Thursday 02 de May de 2024

800 nenos de Riveira celebrarán os dereitos da infancia cunha actividade pedagóxica organizada pola Fundación Faibén


O laureado grupo Los Titiriteros de Binefar actuará no Auditorio

Co gallo de reivindicar os dereitos dos nenos, a Fundación Faibén de Apoio á Infancia e ao Benestar organiza este mércores día 2 coa colaboración do Concello de Riveira unha actividade pedagóxica na que participarán arredor de 800 rapaces de Infantil e Primaria de distintos centros educativos do municipio.

Trátase da obra de monicreques En la boca del lobo, que correrá a cargo da compañía Los Titiriteros de Binefar, distinguida co Premio Nacional de Teatro para a Infancia e a Xuventude.

Tres funcións
Ante a grande demanda suscitada e o límite do aforo do Auditorio Municipal (275 butacas) haberá tres funcións, que se desenvolverán de 9.30 a 10.30, de 10.45 a 11.45 e de 12 a 13 horas.

Os centros participantes son o colexio plurilingüe de Frións, Bayón, Galaxia, O Grupo, Sagrado Corazón de Castiñeiras e A Milagrosa de Oleiros.

A fundación Faibén é unha entidade sen ánimo de lucro que dende hai máis de tres décadas traballa pola integración social dos nenos e nenas desprotexidos. Para tal fin, ten entre outras unha casa de familia na nosa cidade dende a que prestar apoio e axuda a nenos en situación de desamparo.